A orixe de Cristóbal Colón
Onte lin O Codex 632, unha novela escrita polo portugués José Rodrigues dos Santos que, lóxicamente, se titula en español El Códice 632 e que acaba de ser publicada nestoutra nosa língoa por Roca Editorial. Coméntollo a vostedes por se lles vai o tema. A mín vaime moito. Trata da orixe de Cristóbal Colón.
Verbo desto eu sonlles dos que non ten nada claro, agás unha cousa: que Colón non era xenovés. Poderase argumentar o que se queira, facer toda canta afirmación se precise e recorrer a todo canto argumento de autoridade se estime oportuno, pero un señor que non escribe máis ca nove liñas en italiano durante toda a súa vida e, por se fora pouco, esas nove liñas, que ó millor foron quince, non o recordo con precisión, amosan un italiano, millor dito, un xenovés dezlenable dificilmente pode ser de nación xenovesa.
A novela vai deso, da orixe portuguesa de Colón, malia que Rodrígues dos Santos opte por non dar nome ningún dun concreto lugar do nacemento do navegante, acaso porque pense que dende Fisterra a Faro poidera ter nacido en calquer sitio, entre eles e probablemente o lugar de Porto Santo, en Poio, Pontevedra. Isto é o que a mín me gustaría, non sei por qué, quizais por respecto á verdade histórica, por debido e obrigado recoñecemento dunha realidade que deliberadamente se agachou.
Ser galego e xudeo naquel tempo era do piorciño que se podía ser neste mundo e o navegante non sería o primeiro nin o último dunha nómina deles que se viron na necesidade de agachar a súa orixe. Dito isto, a novela lese moi a gusto. Entre bromas e veras, entre realidade e ficción, entre o rigor histórico amosado e as concesións feitas á moda actual, esta moda feita de códices e templarios, de santos griais e sociedades secretas, a novela lese dunha sentada. Confeso que a mín o que me interesaba dela, máis ca súa estructura, o seu tempo e ritmo, o seu léxico ou outras zarandanghas das que adoito nos preocupan ós escritores, era a cuestión esta da orixe. Por iso a lin como a lin e agora se me antolla importante mesmo como libro, ó millor tanto como novela, que é algo que diferenciamos moi ben os que somos adictos á elas, ás novelas, e amamos os libros con paixón sempre renovada. En fin, que lles deixo noticia do Códice 632, do ben que o pasei lendo esta novela que fala del e, de paso, déixolles tamén noticia da súa aparición a todos aqueles que queiran soñar cun tempo e cun descobridor galego de nación, xudeo de condición e clandestino cidadán nun mundo adverso.
Artículo en el correo gallego
Cincocentos anos cara atrás
ALFREDO CONDE
Este ano hai cincocentos dende que se nos morreu Colón, Don Cristóbal. Se un ben o pensa, non hai nada. Cando naceu Norman Vaughan, o derradeiro explorador do xeo, o amo do can chamado Spirit,… O vello centenario que morreu o víspera de noiteboa, so había catrocentos que morrera Colón. Se un o segue a pensar, os avós de Vaughan só distaban dous centos da efemeride. Pois así todo. Os máis de nós podemos falar con bastante exactitude dos aconteceres familiares de hai douscentos anos. A memoria colectiva de hai douscentos anos pode facer o mesmo. E podemos lela.
Contaba sempre o finado de Carlos Casares como un seu avó fora ver unha batalla que os portugueses viñeran celebrar alí por Xinzo da Limia, por onde a lagoa de Antela, nunha chaira que alí hai rodeada de outeiros enriba dos que, as xentes das aldeas, se sentaron a contemplar o espectáculo mentres comían empanadas e bebían viños que, se non eran moi xeneroso eles, si o eran os grolos que lles aplicaron. Pasárono pipa. Mortos á parte.
Cando eu era rapaz a xente de Poio, aínda falaba da Casa do Almirante, da Casa dos Colón, alí no Porto Santo, a carón mesmo de Pontevedra, logo de atravesar a única ponte do mundo que a Poio só por un lado, disimúlenme o chistiño. Morréusenos Colón, dicíalles. En Valladolid, seica. Morreu logo de non ter escritas moitas máis alá de nove liñas en italiano, en toda a súa vida, pero nun italiano de Dio-lo vexa; é dicir, ruín e impropio dun nativo. E de escrebir tamén nun castelán que seica era o propio dun galego disposto a agachar a súa condición de tal; condición que seica se lle implicaba coa de xudeu, meu santiño!
¿Quero dicir, quero retomar con isto a vella teima de que Colón fora galego? Nin se me ocorre. En principio, tanto me ten que o fora como que non. A non ser que, de ser así, iso quixera dicir algunhas cousas máis deste paisiño noso; tan ignorado que ata nós descoñecemos todo o que lle atinxe. ¿Qué cousas? Pois por exemplo a existencia naquel entón dunha tecnoloxía quen de construir a Santa María na Moureira pontevedresa, ou sexa a equivalente á da NASA e, coma ela, con capacidade de aportar tripulación. ¿Se imaxinan? Somos un país que pode soñar o seu pasado. Vai sendo moito horas de que nos obriguemos a estudialo. Como fan os demais, o mesmiño, sen medos nen prexuicios ningúns, nin máis ca nadie, nin menos ca ninguén. Con cincocentos anos de retraso. ¡Pero cun ánimo…!
ac@alfredoconde.com